A LINGUA, IDENTIDADE PRÓPIA
A LINGUA GALEGA: HISTORIA E DEREITOS LINGÜÍSTICOS
A humanidade e as súas identidades.
O sucesivo poboamento de Galicia.
Preto de sete mil anos atrás comeza, paseniñamente, o arraigamento dos antigos poboadores, e con eles o desenvolvemento da primixenia cultura labrega e gandeira. Este proceso humano, económico e social fica retratado en innumerables inscricións rupestres e xacementos. Máis adiante, no século X a.C., o fenómeno castrexo supón a definitiva fixación humana no noso territorio.
Ao redor do ano 137 a.C., a chegada das tropas de Roma supón unha fonda transformación na cultura, a lingua e os saberes dos antigos poboadores. Tempo despois, coa chegada dos suevos (s.V), dos bretóns (s.VI), dos musulmáns (s.VIII) e normandos (s.IX), configúrase a nosa fisonomía actual.
A lingua é o medio mñais xenuíno que teñen os homes e as mulleres para relacionárense co seu contorno natural, construíren a súa base económica e crearen a cultura que o identifica e representa. Deste vencello íntimo, da humanidade co seu contorno, xorden unha chea de coñecementos e comportamentos que se van transmitindo de xeración en xeración conformando, ao longo da historia, as características máis salientables da organización humana.
Mais, tamén, as linguas e os pobos que as falan, sofren acción que podemos definir como agresivas por parte de culturas máis desenvolvidas ou de carácter máis expansivo, que poden incidir e ás veces até afogar o seu desenvolvemento e supervivencia. Tanto é así que, na actualidade máis da metade das linguas faladas no mundo corren perigo da súa desaparición.
A diversidade cultural e lingüística
Guerras, conquistas e linguas.
É imposible pensar na historia da humanidade sen acudir ás crónicas bélicas e ás conquistas acadadas. Ao longo da historia este traumático proceso deixa as máis diversas pegadas nos territorios conquistados, na súa xente, na súa cultura e na súa lingua.
No caso do noso País e da nosa actual lingua sucedeu o mesmo.
Arestora convivimos con palabras que podemos definir como "prelatinas", por exemplo: barro, balsa, carrasca, berce, carqueixa, croio, tona,; con outras aportadas polos pobos xermánicos: bando, Baltar, tregua, Gomesende,, branco, Samil; ou outras palabras aportadas polos árabes: cifra, xarope, arroz, acea, laranxa, atún, alcalde.
A lingua galega, como ocorre coas actuais linguas do francés, o castelán, o portugués, o catalán, o romanés ou o italiano, por exemplo, pertence ao grupo das chamadas linguas románicas. Éstas linguas naceron como resultado da evolución do latín nos territorios do amplo Imperio Romano. No noso caso, no noroeste da Península Ibérica, a evolución do latín máis as achegas das linguas faladas antes desta colonización en Galicia e a fragmentación do Imperio Romano permitiron a aparición do "latín galaico".
A orixe da lingua galega
A rexencia do arcebispo Xelmírez na cidade de Compostela - século XII - , representa un intre histórico de notable transcendencia económica, política e cultural da Galicia medieval.
Baixo o seu poder consolídase un forte crecemento poboacional, o espallamento do fenómeno urbano, a diversificación de oficios e pequenos obradoiros, o remate da Catedral de Santiago e a consolidación do Camiño de Santiago...
Todos estes elementos son representativos do poder que xiraba ao redor de Galicia. Este poderío material e espiritual reflectíase, tamén, no prestixio da lingua galega.
A orixe da lingua galega remóntase ao século IX. Nese tempo, Galicia constitúe unha unidade política xunto aos reinos de Asturias e León.
Nos séculos X, XI e XII Galicia foi constituíndose como reino independente e o galego foi converténdose na lingua exclusiva no uso oral, ao tempo que o emprego do latín na escrita decrecía. O aumento do monolingüismo oral en galego fixo que no século XII o latín e o galego fosen utilizados nos documentos notaríais, bandos, preitos, etc. Con todo, semella máis axeitado falar neste período de linguas romances para referírmonos ás linguas faladas nos actuais territorios de Galicia e Portugal.
Até a metade do século XV as dúas linguas formaron un tronco común.
1111... O rei Afonso Reimúndez é coroado por Xelmírez en Compostela. Afonso VII foi chamado rei de Galicia e León e emperador de toda España.
1128... Baixo o impulso do arcebispo Xelmírez, remátase a construcción da Catedral de Santiago, o maior templo medieval da cristiandade.
1143... D. Afonso Enriques declara a independencia do condado Portucalense. Nacemento de Portugal.
1157... Comeza o reinado de Fernando II de León e Galicia. O seu mandato caracterízase pola concesión de foros municipais ás vilas de Tui, Padrón, Noia, Lugo, Pontevedra ou Ribadavia.
1188... Afonso VIII funda as vilas costeiras de Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. A situación xeográfica favorece o desenvolvemento de actividades pesqueiras.
O esplendor do galego
1211 - 1215... Redáctase a Noticia de Toro, esbozo notarial dunha demanda xudicial.
1252 - 1284... O rei Afonso X o Sabio vai cumprir un papel decisivo na dinamización e apoxeo do movemento trovadoresco.
1257... Comeza o proceso de elaboración das Cantigas de Santa maría, ao abeiro do mecenado de Afonso X o Sabio.
Cantigas e Xograres.
A transmisión da cultura na etapa medieval fíxose a través das cantigas escritas e cantadas polos xograres. No caso da lírica galego-portuguesa son de salientar: Paio Gómez Charino, Bernal de Bonaval, Johán de Cangas, Martín Codax e Meendinho - estes últimos homenaxeados co Día das Letras Galegas 1998 -. Mais tamén, os propios monarcas empregaron o galego-portugués para a escritura das súas obras, como é o caso de afonso X o Sabio, autor das Cantigas de Santa María. Outras cantigas non menos senlleiras están recollidas no Cancioneiro de Ajuda, no Pergamiño Vindel, no Pergamiño Sharrer, no Cancioneiro da Vaticana, entre outros.
A Idade Media foi a etapa de maior esplendor para Galicia e para a súa literatura. A lingua galega adquire neste período o estatuto de idioma internacional, xa que está presente na obra de creadores de diferentes países e en diferentes cortes reais e señoriais, por exemplo: Santiago de Compostela, Toledo, Coimbra, Lisboa, etc.
Durante o período que vai entre os séculos XIV-XV as institucións civís - concellos, gremios, confrarías e xustixa - xeneralizan o uso do galego na súa documentación pública: actas, ordenanzas, libros de contas, regulamentos, etc. Tamén a igrexa, malia manter o uso do latín, comeza a utilizar dende os comezos do século XIV o idioma galego nos documentos públicos e na súa administración interna.
A decadencia de Galicia e da lingua galega
1480... Os Reis Católicos imponen que os textos redactados en galego polos escribáns públicos do reino de Galicia sexan examinados polo Real Consejo en Toledo, e redactados novamente en castelán.
1695... Nace Martín Sarmiento, autor do texto "Coloquio en mil duascentas coplas galegas" tamén coñecido como "Colección de voces y frases gallegas" ou "Coloquio de veinticuatro galegos rústicos".
1717... Decreto de Nueva Planta: "Los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado".
1768... Real Cédula de Aranjuez, Art. VII: "Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas".
1846... Levantamento militar de carácter autonomista e republicano en Galica. Estes militares foron executados na vila coruñesa de Carral.
1856... O 2 de marzo, celébrase en Compostela o Banquete de Conxo. Os estudantes Eduardo Pondal e Aureliano Aguirre foron procesados polos contidos revolucionarios dos seus discursos.
O menosprezo á nosa xente.
O menosprezo á lingua galega foi acompañado do menosprezo ás persoas que a falaban. Consérvanse moitos exemplos de textos casteláns en que se deixa claro este desprestixio.
A chegada dos Reis Católicos supuxo para Galicia e para o galego un enorme retroceso, porque o centro de gravidade do poder trasládase para o centro de Castela e prohíbese de feito o uso do galego escrito. A partir desta etapa o galego pervive grazas á transmisión oral.
Agora ben, houbo excepcións!. Descubrimos, tempo atrás, un texto escrito en galego no século XVII. Este texto foi escrito por un avogado chamado Pedro Otero, que viviu moitos anos en Padrón e escribiu unha Historia de Iria. Este manuscrito describe a importancia que tivo Galicia na Idade Media.
Despois do desprestixio e a postración á que foi sometido o reino de Galicia, neses chamados "séculos escuros", aparece a figura de Martín Sarmiento que, aínda que clama no deserto, pon algo de luz na situación do galego.
Sarmiento é un auténtico avanzado dende o punto de vista lingüístico e sociolingüístico. Ten un texto que di que os curas que non falen en galego hai que poñelos de Pedrafita para alá. Él é galegofalante e denuncia a aberración de que os nenos teñan que aprender noutro idioma distinto do galego.
O Galego, o patrimonio do pobo.
A sobrevivencia plena do idioma galego como lingua oral durante estes Séculos escuros supuxo, tamén, a súa pervivencia escrita nalgunhas cartas e documentos. Entrementres, a lírica popular foi mantida pola transmisión oral en forma de cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas, etc.
Se ben a partir dos Reis Católicos Galicia e o galego foron sistemáticamente silenciados, a nosa lingua perviviu por máis de cinco séculos grazas á riquísima cultura campesiña dos galegos.
A xente ignora que a cultura, a economía e a lingua campesiña foron moi ricas durante a Idade Moderna. Este acervo cultural e lingüístico é moito máis rico que a lingua urbana, a industrial e a científica. Evidentemente, esta é unha visión ideolóxica sobre a nosa historia e a historia da nosa lingua.
Tras o esplendor medieval acadado grazas á independencia e á autonomía do Reino de Galicia, o idioma e a literatura galega - igual que outros aspectos económicos e sociais - entraron nunha fase de decadencia, coñecida como Séculos escuros. Esta etapa histórica abrangueu os séculos XVI, XVII e XVIII.
Esta situación foi provocada, entre outras causas, pola substitución da nobreza galega por outra foránea imposta dende a coroa de Castela.
Co cambio dunha nobreza pola outra cambian, tamén, os outros grupos sociais que administraban o poder e o saber na nosa terra.
O Rexurdimento e os precursores na recuperación da identidade
1857... Lei Moyano da Instrucción Pública. Art. 88:"La Gramática y Ortografía de la Academia Española serán texto obligatorio y único para estas materias en la enseñanza pública".
1859... Juan Manuel Pintos publica o libro de Martín Sarmiento "Coloquio".
1861... Dous anos antes da aparición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, Antonio Fernández Morales publica Ensaios poéticos en dialecto berciano. Esta obra consta de 8.000 versos escritos en galego do Bierzo.
Os autores do Rexurdimento.
Malia o entusiasmo e o compromiso amosado polos precursores galeguistas coa recuperación da nosa lingua, o seu descoñecemento da tradición lírica galego-portuguesa fixo que desviaran a grafía da nosa lingua cara a unha deriva castelanizadora.
Nas últimas décadas do século XIX publícanse as primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, pezas clave no inicio do proceso de elaboración do idioma, entre as que sobrancean o Compendio de gramática gallega-castellana, de Francisco Mirás, en 1864, e principalmente a gramática Gallega de J. A. Saco y Arce, en 1868, unha das máis relevantes descricións lingüísticas realizadas sobre o galego.
Os autores do rexurdimento foron a base fundamental da recuperación e normalización lingüística desenvolta polo galleguismo durante o século XX, non só no eido da lingua e da literatura, senón, tamén, na promoción de institucións, organismos, publicacións,...
Cando estas personalidades do Rexurdimento comezan coa reivindicación de Galicia e da súa lingua, non é unha casualidade. Estas elites entenderon moi ben que a lingua é o resultado dun proceso histórico moi elaborado e que, se querían mover o país, sacar o país do seu atraso, a par das reivindicacións económicas e antiforais, tiñan que empregar e defender a nosa lingua. Este impulso foi fundamental para que, décadas, despois, xurdisen as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Partido Galeguista.
O século XIX supón o nacemento dun movemento de recuperación literaria, política e histórica da identidade galega que coñecemos co nome de Rexurdimento.
Durante todo este século XIX, diferentes movementos galeguistas-republicanos denunciaron a marxinación de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. A importancia deste movemento político e cultural do Rexurdimento radica, sobre todo, na recuperación da literatura, que ampliou os seus ámbitos á narrativa, ao ensaio e á prosa didáctica. Sería Xoán Manuel Pintos o encargado de inaugurar este período en 1853 con A gaita gallega, mais as figuras senlleiras foron Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, que asinaron obras especialmente relevantes para as letras galegas como Cantares Gallegos, Queixumes dos pinos ou Aires da miña terra, respectivamente.
A luz do galleguismo
1880... Publícase en Cuba o libro en galego Follas Novas, de Rosalía de Castro. Curros Enríquez publica Aires da miña terra.
1886... Eduardo Pondal publica o seu poemario Queixumes dos pinos.
1896... prohibición da Dirección General de Correos y Telégrafos para falar por teléfono en linguas diferentes do castelán.
1905... Fúndase a Real Academia Galega.
1916... O 17 de maio fúndase a primeira Irmandade da Fala na Coruña. O 14 de novembro aparece A Nosa Terra, órgano de expresión dos nacionalistas galegos.
1931... Proclámase a II República e, coa nova constitución democrática, a lingua galega adquire carácter oficial.
A acción do galleguismo.
A acción do Partido Galeguista, co traballo improbo de Alfonso Rodríguez Castelao e Alexandre Bóveda, foi fundamental para que no proxecto de Estatuto de Galicia, aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936, se incluíse a cooficialidade do galego e o castelán, a súa presenza no ensino e o dereito de uso coa Administración. Porén, o Estatuto non chegou a ser aplicado, polo inicio da Guerra Civil en xullo de 1936.
Se perdemos a lingua, perdemos o signo histórico, tradicional e espiritual máis fondo e máis marcado que temos na nos aterra. De maneira que a lingua hai que mantela, cultivala e espallala. Porque hai zonas en que está moi perdidiña a pobre. E hai que loitar porque a nosa lingua volva a ter a categoría que tivo na Idade Media.
O idioma é a alma dunha nación. Unha nación, se non ten un idioma propio, non pode ser unha nación.. O idioma e a nación son unha cousa que vai unida: é consubstancial.
Podemos saber falar o castelán, o inglés, o francés, o chinés, o portugués, o italiano, tamén; pero o idioma de noso é o galego.
O comezo do século XX caracterizouse por unha moi rica actividade política e cultural, promovida, en parte, pola influencia dos nosos emigrantes no conxunto das asociación agrarias, culturais e políticas que agromaban polo noso país. Este conxunto de situacións deu vida ás Irmandades da Fala, asociación de persoas que reivindican a autonomía de Galicia e a oficialización do galego. Ademáis, no terreo lingüístico promoveron a elaboración de diccionarios e gramáticas, incidiron na presenza do galego no sistema educativo e fomentaron a actividade editorial e a universalización da nosa cultura dende a revista Nós. Os seus redactores constitúen o que se denominou o Grupo Nós, encabezado por Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Vicente Risco.
A ditadura e a falta de dereitos fundamentais
1924... Regulamento para elaboración e venda de especialidades farmacéuticas. Art.30:"Las etiquetas, envolturas y prospectos serán redactados en español". Entre setembro e outubro comeza a funcionar a Escola de Ensino Galego, na coruña, na propia casa de Ánxel Casal e María Miramontes. Nace a editorial Lar.
1926... Real Orde fixando sancións aos mestres. Art.1:"Los maestros que proscriban, abandonen o entorpezcan la enseñanza del idioma oficial en aquellas regiones en que se conserva otra lengua nativa, serán sometidos a expediente, pudiendo serles impuesta la suspensión de empleo y sueldo".
Art.2:" En caso de reincidencia podrá acordarse su traslado a otra provincia donde no se hable más que la lengua oficial".
1927... Nace a imprenta Nós, na rúa Real 36, 1º, da Coruña. O primeiro libro editado é A Historia Sintética de Galicia, de Antón Vilar Ponte.
1930... remata a Ditadura de Miguel Primo de Rivera, proceso político que tivo aos galeguistas no eixo do seu accionar represivo.
1937... Orde do Goberno Nacional, Burgos: "Se prohíbe el uso de otro idioma que no sea el castellano en los títulos, razones sociales, Estatutos o Reglamentos y en la convocatoria y celebración de Asambleas o Juntas".
O exilio e a defensa da lingua.
O espíritu galeguista seguiu vivo no exilio coa fundación de padroados de cultura galega en Sudamérica e en México.
A actividade galeguista foi intensa: publicación de libros e revistas, entre as que destacaron Galeuzca, Galicia Emigrante e Vieiros, conferencias e actos, emisión de programas de radio, etc.
Namentres, os galeguistas do interior optaron por una estratexiada na produción cultural ao redor da fundación, en 1950, da Editorial Galaxia.
Naqueles intres difíciles da posguerra, os galeguistas que ficaron na terra decidiron aproveitar os poucos resquicios de liberdade que había na sociedade ou nas leis que lles permitise manter viva as súas inquedanzas. Despois de moito matinar, atoparon no código do comercio da época - que regulaba as Sociedades Anónimas -, a oportunidade de crear a Editorial Galaxia e ,aos poucos, promover a nosa cultura e a nosa lingua-
O réxime ditatorial franquista, instalado en Galicia aos poucos días de comezada a Guerra Civil en 1936 e finalizado coa norte do ditador Francisco Franco en 1975, trasladou, tamén ao campo lingüístico, a súa práctica belicista de "guerra de exterminio do inimigo". Neste caso, o seu inimigo era a lingua galega e os seus falantes, a maioría dos habitantes do noso país.
Esta cruzada totalitaria contra os dereitos lingüísticos do conxunto da poboación galega converteu o uso obrigatorio e forzado do castelán - una lingua irmá, como teñen que ser todas as linguas do mundo - en "verdugo" da nosa lingua.
Mais esta violencia desatada chegou, tamén, á morte de personalidades destacadas das letras e da política galega; á represión dos Mestres e mestras; á queima de libros escritos en galego; ao maltrato físico e psicolóxico dos nenos e nenas que empregaran a nosa lingua na aula.
O maltrato ás persoas
1938... Soflama do dirixente falanxista Giménez Caballero:"Escuchad bien esto y para siempre,muchachos españoles!, ¡Quien de vosotros olvide su lengua española o la cambie por otra, dejará de ser español y cristiano!".
1939... Remata a Guerra Civil e declárase único idioma oficial o castelán en rótulos, letreiros, carteis, etc., expostos ao público; na nomenclatura de hospedaxes; no rexistro da propiedade industrial...
1940... Circular sobre o uso do idioma polos funcionarios:" Todos los funcionarios que en acto de servicio se expresen en otro idioma que no sea el oficial del Estado, quedarán ipso facto destituidos, sin ulterior recurso".
Para non esquecer...
A Declaración Universal dos Dereitos lingüísticos, no seu artigo 3, considera como dereitos persoais e colectivos inalienables, exercibles en calquera situación, os seguintes dereitos: a ser recoñecido como membro dunha comunidade lingüística; ao uso dunha lingua en privado e en público; a se relacionar e a se asociar con outros membros da comunidade lingüística de orixe; a manter e desenvolver a propia cultura; a seren atendidos na súa lingua nos organismos oficiais e nas relación socioeconómicas.
No colexio, un tal José Combarro levaba un lapis coa propaganda do Chocolate Chaparro, que teño perfectamente gravado, con forma de hexágono pero alongado. Cada vez que falabamos en galego, facíanos poñer a man e pegábanos co lapis aquel. Claro, o galego era o único idioma que falabamos e así era como nos trataba aquel home na aula.
Á falta de dereitos humanos en Galicia, durante o longo proceso ditatorial, hai que lle sumar, tamén, a falta de dereitos lingüísticos. O noso país era, ao comezo deste violento proceso ditatorial, un país maioritariamente galegofalante e, polo tanto, un pobo que vivía, pensaba, amaba, estudaba, maxinaba e reflexionaba sobre o seu pasado, o seu presente e o seu futuro en galego, a súa lingua.
A democracia
1975... Morre o ditador Francisco Franco e comeza a transición política cara á democracia.
1977... Celébranse as primeiras eleccións democráticas en España. Un ano despois, a nova Constitución abre as portas para o recoñecemento das outras linguas do Estado.
1978... A Constitución Española no Art.3 establécese que as outras linguas españolas (galego, éuscaro e catalán) serán oficiais nos seus territorios e (...) ese patrimonio cultural será obxecto de especial respecto e protección.
1981... A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia abre as portas legais para a normalización lingüística. O galego declárase lingua cooficial e propia de Galica.
1983... O Parlamento galego aproba a Lei de Normalización Lingüística, pola que se regulamentan os dereitos e usos da nosa lingua.
Coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e a constitución do primeiro Parlamento galego, danse os pasos necesarios para a redacción e aprobación en 1983 da Lei de normalización lingüística. Nela, quedaron regulados os dereitos lingüísticos da cidadanía, o seu uso na administración, a educación e os medios de comunicación.
A oficialización do galego, a acción de promoción e observación do cumprimento da Lei de normalización lingüística por parte da Xunta de Galicia, xunto coa acción de diversas entidades, grupos e persoas da sociedade interesados na súa promoción, protección e equiparación dos nosos dereitos lingüísticos incrementou a súa recuperación social.
O Galego na Unión Europea.
A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, aprobada polo Consello de Europa en 1992, promove a protección das linguas históricas e minoritarias nos Estados membros.
Dende o ano 2005 ficou regulado o uso das linguas cooficiais - no caso español: o galego, éuscaro e catalán -, en diversos ámbitos da UE. Este regulamento permite que os cidadáns e cidadás de Galicia que por calquera motivo precisen exercer os seus dereitos nos ámbitos da Unión Europea poden facelo na nosa lingua.
O galego na administración
O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 no Art. 31 establécense competencias plenas no desenvolvemento de materia de ensino, cultura e creación de medios de comunicación propios.
1986... Queda constituida en Santiago de Compostela a Mesa pola Normalización Lingüística.
1987... Reúnense en Santiago de Compostela, baixo a consigna "Aprender en galego non é delito",
1988... Apróbase a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
1996... Reúnense en Barcelona representantes de máis de noventa países dos cinco continentes para proclamaren a Declaración Universal dos Dereitos Linguísticos.
O emprego do galego nas administración públicas está regulado pola Lei de normalización lingüística de 1983, que garante o dereito de usar o galego en todos os trámites que realicemos coas diferentes administración situadas no ámbito xeográfico de Galicia. En todo caso, constátase un maior nivel de galeguización das administración autonómica e local, mentres que o proceso é moito máis lento na administración de xustiza e na administración periférica do Estado en Galicia.
O galego no ensino
1999... Lei sobre nome e apelidos e orde dos mesmos.
2005... O Comité das Rexións da Unión Europea asina, por primeira vez, un acordó que permite o emprego do galego, éuscaro e catalán nunha institución da UE.
2006... Sentenza do Tribunal Supremo sobre o topónimo oficial "A Coruña".
2007... Decreto 124/2007 que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
Coa Lei de normalización lingüística púxose en marcha un sistema de educación que ten como obxectivo que todo o alumnado remate o seu período formativo sabendo por igual galego e castelán. Para iso establécese un catálogo de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego (ademáis da lingua e literatura galega), e organízanse actividades de dinamización lingüística para sensibilizar e estimular os usos sociais dos estudantes.
A diversidade lingüística ameazada.
Na actualidade hai aproximadamente 6.000 linguas no mundo e malia esta cifra en aparencia abultada, os estudosos e os organismos preocupados pola "saúde das linguas" alertan de que durante o século XXI poden desaparecer preto do 80% destas linguas. O galego ocupa o lugar 191 en número de falantes e o 30 en uso en internet.
A "ecoloxía" nas linguas.
De igual xeito que a defensa da natureza esperta, cada vez máis, o interese e a implicación das persoas e das sociedades na súa defensa, as linguas pouco a pouco van acaparando á atención de numerosos colectivos preocupados polo perigo que corre a diversidade lingüística no mundo.
Segundo eles, con cada lingua que desaparece, máis alá do número dos seus falantes, pérdese unha parte do coñecemento humano, alterándose deste xeito o equilibrio ecolinguístico no mundo.
O galego na sociedade
2008... Celébranse eleccións autonómicas e o novo gobernó do Partido Popular cambia a política lingüística.
2009... Queda constituída, por máis de coarenta entidades, a plataforma en defensa da lingua galega: "Queremos galego".
2010... Apróbase o Decreto 79/2010 para o plurilinguismo no ensino non universitario.
En Galicia, os poderes públicos desenvolveron liñas de actuación para a sensibilización e extensión dos usos orais e escritos da lingua galega. A través dos servizos lingüísticos de concellos, deputacións, administración de xustiza, universidades, sindicatos e outros colectivos profesionais, desenvolvéronse moi diversas actividades dirixidas á formación en lingua galega, ao asesoramento para traducir e redactar documentos, ao desenvolvemento da terminoloxía,á creación de publicacións, e á dinamización da lingua galega, entre outras.
A este conxunto de actividades sumáronse as acción de fomento da consciencia lingüística e dos usos sociais emprendidas por todo tipo de organización da sociedade civil: entidades sociais e culturais, asociación de renovación pedagóxica, profesionais.
GALICIA, O GALEGO E O CAMIÑO DE SANTIAGO
O feito de que a lingua galega -nos primeiros tempos galego-portugués- acade a súa etapa de máximo esplendor literario na Idade Media, non se pode desligar das peregrinacións xacobeas. O Camiño de Santiago foi un dos máis importantes elementos de unión de Galicia con outras culturas, e non só iso, senón que tamén lle otorgou un posto clave na Europa cristiá medieval.
No ano 813 da nosa era, no bosque Libredón da diócesi de Iria Flavio, sendo Alfonso II monarca destas terras, prodúcese o achado do sartego de Santiago Zebedeo, discípulo de Xesús. A nova estendeuse axiña por toda a cristiandade, iniciando unha tradición de peregrinaxe cara a este novo santuario, que axiña se converteu, con Xerusalén e Roma, no lugar de destino máis considerado polos peregrinos da época. Independentemente de que a potenciación do santuario corresponda á presencia real dos restos do Apóstolo ou á necesidade política de ter unha justificación relixiosa que lle opor ó inimigo musulmán do sur, verdadeiramente destacable é a importancia dos movementos de peregrinación e dos "camiños" que se van configurando. Camiños que han constituí-la vía de contacto do extemo noroeste da Península co resto da Europa Occidental. Das rutas xacobeas, a máis coñecida é o "Camiño francés", que nacía en diferentes lugares da Francia actual e atravesaba os Pirineos por Roncesvalles e por Somport uníndose en Navarra.
O fenómeno histórico da ruta xacobea pasou por diversas etapas. O apoxeo da peregrinación correspóndelles ós séculos inmediatos ó inicio do milenio, cando se reconstrúe a cidade Compostelá trala súa destrucción, case total, coa incursión de Almanzor no último tercio do século X. Resultou decisiva na promoción das peregrinacións a institución do Ano Santo Xacobeo no século XII, por parte do Papa Calisto II e polo seu sucesor Alexandre III por medio da Bula Regis Aeterni. Esta Bula outorgaba a gracia do xubileo a quen visitase o sartego apostólico os anos nos que o 25 de xullo coincidise en domingo. A decadencia das peregrinacións comeza no século XIV e acentúase no XVI, debido ás transformacións socioeconómicas e ó nacemento dun novo espírito relixioso en Europa. Ó mesmo tempo a cultura galega vai esmorecendo.
Os peregrinos que se achegan a Santiago na baixa Idade Media contan xa cun camiño salpicado de hospitais, cidades e mosteiros, onde atopan o repouso necesario no longo percorrido das numerosas etapas. A orde cluniacense realizou un intenso labor social por tódolos camiños, ademáis de deixar importantes influencias francesas nas letras e nas artes e de contribuir á difusión do lirismo provenzal. A orixe dos romeiros era moi variada, tanto xeográfica como socialmente; había bretóns, irlandeses, gregos, xermanos, lombardos e, sobre todo, francos. Facían o Camiño tanto nobres coma servos, relixiosos, cómicos ou mesmo malfeitores, o que veu significar un intercambio de influencias a tódolos niveis.
O Camiño constituíu, pois, o eixe principal de comunicación do Norte peninsular
A súa fin, a cidade de Santiago de Compostela, converteuse nun grande núcleo urbano, cunha maior forza no século XIII, cando Galicia atinxe o teito da súa expansión. As peregrinaxes supuxeron importantes transformacións na vida socioeconómica, ó permitiren o desenvolvemento de actividades comerciais con moitos países europeos. A producción cultural e artística, pola súa parte, estivo igualmente ligada ó grande santuario internacional. Mentres mantivo o contacto con Europa e as relacións co resto da Península, Galicia acolleu escultores, arquitectos, miniaturistas, escritores,..., que recibían influencias das múltiples correntes relixiosas, culturais e artísticas que se cruzaban.
Dende o punto de vista artístico, creouse unha unidade de estilo entre as igrexas da ruta principal, froito dos intercambios artísticos: as formas europeas do románico aparecen á beira da arte hispano-musulmana. A escultura monumental, é dicir, vinculada á arquitectura, é a arte figurativa mellor coñecida da nosa Idade Media. Santiago de Compostela converteuse nun dos centros artísticos máis importantes do mundo. En torno á tumba do Apóstolo foron xurdindo obras de inigualable valor. Arquitectos, escultores, pintores, ourives...de moi diversas procedencias centraron a súa actuación na magnífica Catedral, obra impulsada principalmente polo bispo Diego Xelmírez.
En canto á lírica, Santiago de Compostela exerceu o papel de aglutinante entre unha arte popular autóctona e unha tradición culta que procedía da Occitania. Xograres de distintos lugares, especialmente franceses e occitanos percorreron o Camiño xa no século XII.
Moitos cantares tradicionais e cultos foron compostos na cidade xacobea por compositores establecidos ó abeiro dos melenados, e a nosa lingua foi acollida e cultivada en Cortes estranxeiras. O Camiño actuou como transmisor e receptor de cultura e tamén como inspirador de temas literarios. Na prosa tamén se sente a influencia do Camiño, como constata unha das nosas máis importantes obras de prosa medieval galega, os Miragres de Santiago, versión do Liber Sancti Jacobi, que tivera grande relevancia na difusión da Ruta Xacobea. A lingua galega non foi allea á presencia estranxeira e enriqueceuse con préstamos do francés e, especialmente, do provenzal. É neste momento cando se introducen palabras como " trobar, frade, forasteiro,...".
O Camiño de Santiago é, pois, un fenómeno sociolóxico, cultural e relixioso, causa e consecuencia de feitos históricos relevantes, que se mantivo vivo, aínda que con altos e baixos, ata o día de hoxe.
O espantallo
Un labrador moi avaro, que vivía nunha aldea remota, acadou moita sona, precisamente, pola súa avaricia. Tan grande era que, cando un paxaro picaba un gran de trigo que atopaba no chan, poñíase moi furioso e botaba o día a vixiar na leira para que ningún paxaro se acercase a ela.
Tantas voltas lles deu ós roubos dos paxaros que por fin tivo unha idea: construír un espantallo que o axudase a coidar da leira.
Con tres paos cruzados fixo os brazos e as pernas. Con palla fixo a forma do corpo. Unha cabaza serviu de cabeza. Colleu dous grans de millo para facer os ollos, unha cenoria fresca como nariz e unha ringleira de grans de trigo para formar a dentadura. Cando o corpo do espantallo estivo a punto, púxolle unhas roupas vellas e chantouno na terra. Botoulle unha última mirada indagadora e decatouse de que lle faltaba un corazón. E colleu unha brillante mazá vermella e púxolla no peito.
O espantallo quedou alí na leira, exposto ó movemento caprichoso do vento. Ó pouco, un pardal famento pasou voando moi baixiño á busca dalgunha comida para alimentar as crías. O
espantallo quixo cumprir co seu oficio e tratou de escorrentalo con torpes movementos, pero o paxaro pousou nunha árbore que había no arredor e dixo:
-¡Que grans de trigo tan bos tes! ¡Dáme algúns para os meus filliños!
-Non podo -dixo o espantallo.
Sen embargo, pensou nunha solución ó problema e atopouna: ofreceulle os seus dentes de trigo.
O pardal, moi contento e agradecido, colleu os grans de trigo. O espantallo, aínda que sen dentes, sentiuse satisfeito da súa acción.
Ós poucos días, acercouse pola leira con moito interese un novo visitante. Esta vez tratábase dun coello. ¡Como regalaba os ollos cara á cenoria! O espantallo quixo cumprir co seu deber de escorrentalo; pero o coello, mirando lastimeiramente, dixo:
-Dáme a cenoria, ho, que teño moita fame.
Ó espantallo doéuselle o corazón e foi e deulle a cenoria.
Despois, cheo de ledicia, quixo entoar unha canción, pero non caera na conta de que non tiña boca para cantar.
Unha mañá cedo apareceu por alí o galo madrugador, mandando ó aire o seu alegre quiquiriquí. Entón, díxolle:
-Voulles prohibir ás pitas que alimenten cos seus ovos o estómago do amo, pois tan avaro é que case que non nos dá de comer.
Ó espantallo non lle pareceu ben o que dixera o galo e mandoulle coller os seus ollos, que eran dous grans de millo.
-De acordo -dixo o galo, e foise moi agradecido. Preto da noite, escoitou alguén que berraba. O avaro labrador botara o galo da casa.
-Agora son un vagabundo -dicía.
-Colle o meu vestido, é o único que che podo ofrecer.
-¡Ai, gracias, moitas gracias, espantallo!
Ese mesmo día, un pouco máis tarde, oíu chorar un neno que buscaba comida para a súa nai. O dono da leira non se doera da súa necesidade.
-Irmán -exclamou o espantallo-, douche a miña cabeza, que é unha fermosa cabaza.
Ó abrir o día, o labrador foi á leira e, cando viu o estado en que quedara o espantallo, enfadouse tanto que lle puxo lume. Ó pouco caeu ó chan o seu corazón de mazá. O labrador, rindo, dixo:
-Esta pápoa eu.
Pero, ó chantarlle os dentes, experimentou un cambio: o corazón de pedra volveuse un corazón de carne.
A partir dese día, a leira do labrador foi un vizoso verxel en el oíase unha fermosa canción e todos se puideron recrear coa harmoniosa nota da calor humana.
Mil Festas máis para a Lingua Galega.
Cando se asinara no ano 1984 en Compostela a "Declaración dos alcaldes galegos a prol da normalización da lingua propia de Galicia", facíano os representantes dos Concellos conscientes de que a linguaxe, coma sistema simbólico, é viable en tanto que é capaz de comunicarse e transmitir unha Cultura.
Unha lingua é distinta das outras porque na súa evolución histórica se foi conformando en reciprocidade cunha realidade cultural diferenciada. Unha lingua more un pouco con cada segmento de cultura que se perde porque os "símbolos" que o expresaban carecen xa de significado.
Unha cultura desnaturalízase cando deixa de ser comunicada a través da expresión que lle é propia. Velaí, pois, a vixencia desta nova convocatoria e da recuperación do espírito normalizador que aniñaba naquela "Declaración".
Malia os progresos habidos para sacar á lingua galega dos reductos da coloquialidade, aínda seguen a estar presentes na nosa sociedade elementos que a proscriben. Estes condicionantes están actuando as máis das veces subliminalmente, cando non con toda a tosquedade que emprega a belixerancia nas súas formas.
Os axentes que actúan marxinando á lingua galega adoitan ser poderosos e atopan un caldo de cultivo na aculturación e complexo de inferioridade lingüística de amplos sectores da sociedade. Todos podemos testemuñala presenza de mínimas persoas participantes porque aquilo non vai con eles, porque falan outra lingua e representan unha cultura allea.
A única garantía de proxección cara ó futuro, conxurando a ameaza da perda dos nosos sinais de identidade, é instaurar un proceso racional de axeitamento en tódalas frontes, sen esquecérmonos da importancia que teñen ata aqueles menos trascendentes da vida social. Porque é postulado socio-lingüística que un idioma coma o noso, en convivencia con outra lingua non ten máis ca dúas alternativas: ou normalizarse ou morrer. E normativizar un idioma non é máis ca facelo normal e que esta normalización sexa asumida por toda a comunidade.
Se deixamos esmorécela nosa lingua tamén quedará eivada a nosa personalidade como pobo. Unha civilización propia nace dunha lingua propia.
Cómpre, pois, dignifícalo uso dos símbolos empregando os "Himnos" para os fins que lles son propios. Cómpre esperala responsabilidade e obrigas de estimulalas manifestacións culturais nun país con lingua de seu.